DECIDIDAS A QUE GALIZA TEÑA "VOZ PROPIA" EN MADRID
O BNG é a chave para que Galiza teña voz propia en Madrid
Así ven de presentarse o BNG no seu acto público aberto de campaña cara ás eleccións xerais. O acto tivo lugar na Sala Félix da Área Panorámica de Tui
A candidata á alcaldía de Tui, Carme Núñez, instou ás mulleres a converter o vindeiro 28 de abril nun novo 8M para ter voz feminista e galega en Madrid da man do BNG. Carme Núñez asegurou que o Bloque demandará no Congreso máis medios e formación para os xulgados de violencia de xénero, o veto aos ventres de alugueiro, e aumentar a un ano o permiso por maternidade e paternidade, cuestións que a “dereita cavernícola” frea continuamente.
“Demostremos de que somos capaces as mulleres galegas, que sempre sacamos as cousas adiante nas condicións máis adversas”, pediu Carme Núñez, instando á forza das das que queren un cambio que sitúe a Galiza no mapa a traballar para que haxa deputadas que dean voz aos intereses, necesidades e a realidade do País.
O candidato ao senado, André Vidal , apelou ao voto das persoas indecisas para que o 28A collan a papeleta do Bloque porque ten valor extra, que garante a defensa de Galiza e frea a entrada da dereita carca e antigalega. “Confírmase algo que levamos tempo percibindo, que hai moita xente que está mirando para o BNG, que hai unha onda de simpatía que medra e medra”, salientou.
“E para iso temos que ser decisivos no Estado da man do Bloque o 28A, estar na política estatal con voz propia como están as vascas, as catalás, as valencianas, as canarias. Non podemos ser as únicas excluídas e silenciadas, desaparecidas da axenda estatal como nesta lexislatura”, explicou.
Guillerme Vázquez, candidato ao Congreso indicou que os orzamentos e os investimentos do Estado teñen pasado nos últimos anos “de puntillas” polas necesidades do Baixo Miño e subliñou que “é un problema de competencias e tamén de incompetentes”, en referencia aos gobernos do PP e do PSOE co apoio de En Marea-Podemos, que non incluíron na súa axenda as necesidades da veciñanza. “Só o BNG poderá levar as demandas de Tui ao Congreso porque as coñece e pode defender con mans libres os intereses locais fronte ás forzas estatais “que deben lealdade a Madrid”.