O BNG presenta unha moción sobre a tarifa eléctrica na Guarda

Anxo Baz, portavoz municipal do BNG
Anxo Baz, portavoz municipal do BNG

 

“O BNG pula pola creación dunha tarifa eléctrica galega, na condición de produtores, para abaratar a electricidade de todos os fogares e da industria e comercio"

O BNG presenta unha moción sobre a tarifa eléctrica na Guarda

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción sobre o sector eléctrico na Galiza.

A moción solicita, entre outras, a inmediata reducción do IVE da electricidade pasando do 21% ao 4%, así como a modificación da Lei do Sector eléctrico que permita a regulación dunha Tarifa Eléctrica Galega que beneficie á Galiza pola súa condición de nación produtora de enerxía eléctrica que permita o abaratamento da electricidade para consumos domésticos e empresariais.

No BNG defendemos que Galiza ten dereito a controlar os seus recursos enerxéticos. Para iso é fundamental poñer fin a esta situación de explotación colonial e reclamar capacidade normativa para poder tomar as decisións referentes a todos os aspectos do desenvolvemento enerxético

“Con este modelo, mentres Estado e eléctricas aumentan os seus beneficios e Galiza exporta enerxía, no noso país hai máis de 442.000 persoas que declaran non poder permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada e a taxa de risco da pobreza incrementou nun 12,15% dende o 2009, e a Guarda non é allea a esta situación”, comentou Anxo Baz portavoz municipal do BNG.

O BNG pula por unha tarifa eléctrica galega que abarate vía peaxes o prezo final da enerxías no noso país, que axudaría a democratizar o acceso para todas as persoas e, asemade, contribuiría a asentar o tecido industrial e económico do país.