“O CONCELLO REALIZA UN EVENTO SOBRE O SAMAÍN QUE O ÚNICO QUE TEN QUE VER CO SAMAÍN É O TÍTULO”
O BNG preocupado pola falta de política lingüística a prol do Galego na Guarda
O BNG fica preocupado pola deriva que está tomar o goberno da Guarda na defensa e promoción do galego tanto nas súa comunicacións como na organización de celebracións intimamente ligadas ao patrimonio cultural galego.
“Quedamos sorprendidos ao ver o cartel anunciador sobre o Samaín no que o único que ten de Samaín é o nome. Non hai unha programación na que se integren colectivos para poñer en valor esta festa na Guarda”, comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG.
Para o BNG resulta preocupante que a celebración do Samaín se cinga a un ciclo de dúas películas tituladas en castelán e que pouco teñen que ver coa celebración do Samaín.
Dende o BNG vense detectado actuacións por parte do grupo de goberno do PSOE encamiñadas á anulación do galego como lingua vehicular. Así púxose de manifesto nas pasadas festas do monte cando o concello repartiu uns folletos indicando medidas de seguridade para a tirada dos fogos en español, no canto de facelo en galego.
O BNG considera que este tipo de actuacións, así como a negativa dos diferentes gobernos do PSOE a poñer en marcha un servizo de normalización lingüística para normalizar e potenciar o uso do galego en diferentes ámbitos da vida municipal, como unha mostra clara do pouco compromiso que o goberno da Guarda ten co noso idioma.