Parlamento Galego

O BNG pide axudas da Xunta para paliar os danos causados polos xabarín no Baixo Miño

Montse Prado

A deputada por Pontevedra Montse Prado leva ao Parlamento as demandas da veciñanza da Comarca do Baixo Miño, en particular no Concello da Guarda, en relación á poboación de xabarín que experimentou un importante incremento nos último anos  sen que exista un control por parte da Administración. Ese incremento, unido a falta de control, tradúcese en colleitas esnaquizadas, instalacións inutilizadas e mesmo accidentes de tráfico.

“A invasión deste animal é tal que a miúdo poden ser vistos en zonas urbanas remexendo no lixo, cruzándose no camiño con persoas e incluso entrando en propiedades”, explica Prado, quen advirte que a actuación descontrolada do xabarín unida a “pasividade das institucións” está a provocar a abandono de terras que ata foi pouco cultivadas.

Ante esta situación, o BNG traslada o asunto para o seu debate no Parlamento a través dunha batería de iniciativas nas que demanda ao Goberno da Xunta medidas de control da poboación de xabaríns e axudas ás persoas que tivesen soportado algún tipo de dano causado por estes animais.

En concreto, o Bloque demanda un estudo sobre a situación da especie na comarca do Baixo Miño, un reconto tamén dos danos causados en cultivos, incursións urbanas e accidentes de tráfico, “de tal xeito que serva de base para elaborar un plan de actuación da Xunta”. En segundo lugar, axilidade no control dos danos e a adopción de medidas preventivas e, por último, establecer unha orde de axudas para compensar os danos producidos polo animal con suficiente dotación orzamentaria para dar resposta á gravidade do problema.

“O que non é de recibo é a pasividade da Administración ante esta situación que leva anos sendo motivo de denuncia por parte dos e das veciñas”, concluíu Prado, de aí as propostas que o Bloque presenta no Parlamento para o seu posterior debate.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG