Recital poético de Marta Dacosta e actuación musical do grupo Tralo Mosteiro para celebrar o Día Internacional da Muller en Oia
O acto feminista, organizado polo grupo de Acción Feminista do BNG no Baixo Miño terá lugar o día 9 de marzo ás seis da tarde na Praza da Matrona Xulia Suárez
Marta Dacosta é unha das voces máis relevantes da poesía galega. Comezou moi nova a súa creación poética participando en recitais e publicando en diversas revistas. En 1994 sae o seu primeiro libro, Crear o mar en Compostela, seguiranlle Pel de ameixa (1996), Setembro (1998), En atalaia alerta (2000), As amantes de Hamlet (2003), Cinza (2009), Acuática alma(2011), Argola (2013), Dun lago escuro(2014), Na casa da avoa (2017) e o último publicado: Labirinto ou memoria (2018). Ademais participa en diversas publicacións colectivas e a súa tradúcese a diferentes idiomas.
A poeta ten unha forte vinculación profesional e afectiva con Oia, que se reflicte na súa obra. Os poemas escollidos para o recital xuntan a creación literaria coas antigas lendas conservadas século tras século na tradición oral do noso pobo, especialmente na memoria viva das avoas.
O grupo Tra-lo Mosteiro, leva anos en Oia, amando e vivindo a riqueza do noso folclore, gozando e facéndonos gozar coa festa que levan. A súa música ha ser un esconxuro para nos liberar das vellas cadeas e chamar por un futuro de igualdade.
Na poesía, nas lendas e na música de noso sempre houbo un espazo digno para a voz das mulleres, que reivindicamos e homenaxeamos neste acto, ao que vos convidamos a asistir.
Rematarase coa lectura do Manifesto Feminista do Día da Muller.