Carme Núñez reclama máis recursos no ámbito local e xudicial para combater a violencia machista

IMG_20181128_175641
Carme Núñez, portavoz municipal do BNG en Tui

"O BNG expresa a preocupación pola violencia machista en todos os seus graos”

Carme Núñez reclama máis recursos no ámbito local e xudicial para combater a violencia machista

Tui, 28 de novembro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG,Carme Núñez, vai trasladar no pleno de mañán unha inciativa, ao abeiro do 25N, para demandar máis recursos do punto de vista local e xudicial para combater a violencia machista.

Con esta moción, o BNG expresa “a preocupación pola violencia machista en todos os seus graos”, afirmou Carme Núñez, tanto polos feminicidios como cos datos de agresións e ataques contra a liberdade sexual en todos os ámbitos “porque hai moitas denuncias que nin sequera chegan aos xulgados ( só chegaron 5.000 casos que representan un 20%) e tamén sabemos o que representa a xustiza neste país polos resultados das sentenzas machistas”. Para iso reclamou un maior compromiso e formación no ámbito xudicial.

Tamén a moción pide un incremento de recursos para os concellos para destinalos a combater a violencia de xénero, co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero acrecentáronse “as competencias nas administracións locais mais precisa unha dotación orzamentaria superior”. En 2018 había 8 millóns destinados a Galiza, unha cantidade insuficiente porque non se teñen en conta a dispersión nin o avellentamento da poboación, dixo.

O BNG reclama tamén que a Xunta cree unha unidade de violencia machista que se integre na Dirección Xeral de Xustiza “porque se existen leis favorecedoras para combater a violencia de xénero ten que haber un organismo encargado de facer que se cumpran os protocolos”.

Ademais é necesario que existan xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades e formación especializada para todo o persoal que intervén, desde axuda psicosocial, equipos forenses, xuíces e persoal de avogacía, entre outros, que contribúan a evitar a violencia institucional que fai repetir unha e outra vez os acontecementos cando se pode suplir cunha gravación previa. Demanda garantir os espazos separados de declaración e espera para evitar o contacto de vítimas e agresores, que se inclúa o estudo do agresor e dotar os servizos de garda para atender os casos de violencia machista, entre outras medidas.

Carme Núñez reclama máis recursos no ámbito local e xudicial para combater a violencia machista