“UNHA INFORMACIÓN AXEITADA EVITA RISCOS DE ACCIDENTES, SOBRE TODO, A QUEN DESCOÑECE O RÍO MIÑO”
O BNG solicita paneis informativos sobre correntes nas praias do río Miño
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito no Concello da Guarda solicitando unha serie de medidas encamiñadas á mellora do sistema de salvamento nas praias do río Miño.
Para o BNG o incidente vivido a semana pasada na zona da Armona e a Lamiña, é un aviso serio de que hai eivas no sistema de socorrismo no río Miño.
O BNG entende que hai que cumprimentar o sistema coa colocación de paneis informativos con advertencias sobre o perigo das correntes no río Miño, especialmente na zona da Armona e a Lamiña.
Socorristas sen embarcación de salvamento
O BNG considera unha irresponsabilidade ter un dispositivo de socorrismo para praias sen ningunha embarcación de apoio, ante isto, BNG instou ao Alcalde da Guarda a posta en marcha dunha praza de patrón.
Para o BNG é difícil de entender como o Alcalde da Guarda sae en todos os medios de comunicación cunha embarcación de salvamento e agora, cando realmente hai que poñela en funcionamento, non se usa.
“Non pode ser que teñamos que depender da vontade e dispoñibilidade dun particular para patronear unha embarcación nun operativo de salvamento. É unha situación moi grave, mentres o Alcalde da Guarda presume de Bandeira Azul, temos un servizo de salvamento con deficiencias” comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O BNG insta ao goberno municipal a que se tomen todas as medidas necesarias para que o servizo de salvamento conte cunha embarcación de apoio e a mellora da información sobre os perigos das praias do río Miño.