O BNG recolle sinaturas por unha Sanidade Pública de Calidade en Tui

Carme Núñez e Xosé M.Tato, concelleir@s do BNG en Tui1
Carme Núñez e Xosé M.Tato, concelleir@s do BNG en Tui1

O BNG  ven de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Tui e resolva dunha vez os problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa vila.

O BNG recolle sinaturas por unha Sanidade Pública de Calidade en Tui

Tui, martes 9 de outobro de 2018.A sanidade pública de Galiza está nunha situación de deterioro xeneralizado na que a Atención Primaria está sendo unha das principais damnificadas das nefastas políticas do Partido Popular. Todas as decisións tomadas foron en detrimento dunha Atención Primaria como o eixo fundamental do sistema sanitario, como elemento de coordinación clave para que o modelo sexa sostíbel: masificación de consultas, cupos de profesionais por enriba do estabelecido, redución de profesionais, non substitución nin por xubilación, nin vacacións nin ILT, nin outro tipo de licenzas ou permisos, as listas de espera xa son habituais, peche de axendas, colapsos, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, listas de espera de ata unha semana...

O centro de saúde- PAC de Tui, responde á situación que se acaba de describir. A política do Sergas de non substitución do persoal, nin nos seus permisos, nin vacacións está a ter como consecuencia a redución de servizos e unha sobrecarga asistencial brutal.

Por esa razón, @s usuari@s están a sufrir alteracións nas citas médicas xa concertadas e as novas solicitudes de consulta teñen unha grande demora.

Non podemos esquecer tampouco nesta ocasión, as deficiencias que vimos denunciando como son:

- a situación de deterioro dunhas instalacións que foron inauguradas con precipitación por motivos electorais do PP, e que desde a súa apertura teñen problemas que causan inconvenientes tanto aos usuari@s como aos/-as profesionais.

- a sala de espera de urxencias insuficiente, que ten a metade de superficie da instalación anterior o que provoca que as persoas usuarias teñan que estar nos corredores, amoreada ou esperando fóra.

-A pésima localización dos servizos para o persoal, unha zona de vestiarios e de descanso do persoal do centro saúde-PAC  nunha planta diferente á que se presta á atención aos doentes, portas que xeran correntes de aire nocivas, forman parte dunha suma de problemas que deben ser solucionadas.

Así, o BNG de Tui  quere informar que ven de por en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Tui e resolva dunha vez os problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa cidade.

 

"Este xoves 11 de outubro, a partir das 11:30, diante do centro de saúde-PAC de Tui , o BNG  estará recollendo sinaturas , polo que animamos á veciñanza de Tui a que asine. É un simple, mais moi importante, xesto co que cada veciño/a de Tui pode colaborar de cara a conseguir as xustas melloras que os/as tudenses reclamamos, e merecemos" apuntou a portavoz do BNG, Carme Núñez.


https://www.youtube.com/watch?v=pZHbRVt2XtA

 

O BNG recolle sinaturas por unha Sanidade Pública de Calidade en Tui