Xabier Vence presenta a Ángel Baz para liderar un BNG-AA comprometido co pobo da Guarda
O cabeza de lista pon como prioridades dinamizar a economía local a través do comercio e do turismo para xerar emprego
A Guarda, 26 de Marzo 2015.- BNG-Asembleas Abertas presentou a súa candidatura no Concello de A Guarda con Ángel Baz como cabeza de lista para os comicios municipais do 24 de maio, unha candidatura renovada tras un proceso de asembleas abertas á veciñanza do concello que facilitou a incorporación non só de militantes senón tamén de persoas independentes que, sen ter o carné o BNG, apostan polo proxecto político do Bloque para aportar solucións aos problemas do municipio.
O portavoz nacional, Xavier Vence, arroupou a presentación da candidatura subliñando que un reflexo da cidadanía comprometida, loitadora e honesta traballadora que sabe que, con traballo e ideas, con propostas pensadas en beneficio da xente é posible dar solucións aos principais problemas da Guarda, como o desemprego, a emigración xuvenil ou o esmorecemento do comercio local.
Vence salientou ao propio Ángel Baz como exemplo de persoa emprendedora, bo coñecedor da situación do comercio de proximidade e do sector hostaleiro ao que contribúe a dinamizar, ou a inclusión na lista de Benito Alonso, capaz de plantarlle cara a prepotencia de Facenda xunto con outros moitos e moitas emigrantes retornados que non dubidan en saír a rúa a defender os seus dereitos. Con Ángel e Benito, e o resto de compañeiros e compañeiras desta candidatura, a veciñanza da Guarda ten o día 24 de maio a oportunidade de desaloxar ao PP e as políticas de recortes que representa e dar paso a un novo tempo para este concello.
O dirixente nacionalista puxo en valor o proceso de asembleas abertas, como exemplo real de transparencia e de participación da cidadanía na elaboración da candidatura e das propostas para o concello, e subliñou que o BNG ten dado mostras de que se pode gobernar doutra maneira a favor da xente, sen recortes, apostando polos servizos públicos, polas prestacións sociais, polo comercio local e pola cultura, e citou como exemplo máis próximo o Concello de Tomiño, que se ten convertido en referente na comarca baixo o goberno do BNG.
Pola súa parte, Ángel Baz confesouse emocionado ver a cantidade de xente que nos acompañou neste acto e a ilusión posta nesta candidatura. As continuas mensaxes de apoio e de optimismo recibidos fainos ter máis seguridade aínda neste proxecto político.