O BNG- Asembleas Abertas de Tui aproba a candidatura ás eleccións municipais.
O BNG de Tui celebro unha nova Asemblea Aberta onte dia 14 de Abril para debater e aprobar a lista definitiva de candidatos e candidatas desta formación ás vindeiras eleccións municipais no noso concello.
Aprobou-se por unanimidade a proposta surxida de anteriores asembleas abertas e de contactos con diversos sectores sociais incluíndo simpatizantes de todas as parroquias do municipio. A lista estará encabezada pola médico Carme Núñez e caracteriza-se fundamentalmente pola renovación, xa que unha grande maioría dos candidatos proveñen das Asembleas abertas e non son militantes do BNG.
A candidatura será presentada oficialmente o próximo sábado dia 18 de Abril.
Finalizada a asemblea, un grupo de militantes e simpatizantes do BNG desprazaron-se até a corredoira en Tui para realizar un pequeno mais emotivo acto simbólico coincidindo con a data do 14 de Abril. Así colocou-se unha placa de rueiro coa inscrición Rua Alcalde Guillermo Vicente Santiago. 1936 , en alusión ao último alcalde Republicano de Tui, que morreu e foi soterrado na bodega da súa casa oculto da persecución das tropas franquistas en 1940. Con ese acto o BNG quixo manifestar a súa intención de colaborar desde o próximo goberno municipal coa recuperación da memoria histórica das innumerables vítimas da represión franquista do noso concello posterior ao golpe de Estado de 1936.