“UN ANO MÁIS, O BNG SOLICITA A LIMPEZA DOS CAMIÑOS DA CRUZADA QUE DAN ACESO ÁS PRAIAS”

O BNG insta ao Concello da Guarda a limpar os camiños da Cruzada

Ángel Baz, portavoz municipal do BNG, de visita na Cruzada
Ángel Baz, portavoz municipal do BNG, de visita na Cruzada
O BNG insta ao Concello da Guarda a limpar os camiños da Cruzada

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito no Concello da Guarda solicitando, un ano máis, a limpeza dos camiños da canteira no Barrio da Cruzada.

Os dous camiños que unen a Rúa de Caetano con a zona de Santa Catalina foron tradicionalmente, e seguen sendo, dous importantes accesos usados habitualmente polos veciños e veciñas do barrio da Cruzada para acceder á beira do mar.

Coa chegada do bo tempo increméntase o uso destes camiños pois son moitas as persoas que a través deles acceden ao porto, á senda litoral e á zonas de baño ou lecer que hai nas rochas, así como ao conxunto etnográfico que conforman a ruta das cetáreas.

Pero nesta altura do ano a abundancia e grande tamaño da vexetación dificulta seriamente o tránsito polo camiño da banda do norte. Ante o malestar expresado un ano mais por varios veciños e veciñas, o portavoz municipal do BNG, Ángel Baz volveu, como cada ano, a constatar o estado deste acceso indicando que "Digo o mesmo que dixen no 2015: esta situación que se repite cada verán é so unha mostra mais do desleixo e falta de sensibilidade do goberno municipal para co barrio da Cruzada, non entendemos por que o goberno municipal do PSOE castiga deste xeito a este barrio. A limpeza desta zona xa tiña que estar prevista con antelación”.

Para o BNG resulta un esperpento que cada ano se lle teña que lembrar ao grupo de goberno municipal do PSOE que hai que limpar estes camiños, sabendo a utilidade pública que teñen.