O BNG insta ao goberno municipal a tomarse en serio a recollida do lixo na zona do Porto da Guarda

Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda
Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda
O BNG insta ao goberno municipal a tomarse en serio a recollida do lixo na zona do Porto da Guarda

“O BNG considera prioritario que o Goberno municipal escoite ao sector hostaleiro que está a sufrir as deficiencias na recollida do lixo”

Tralas consultas realizadas a diferentes donos e donas de restaurantes do porto, o BNG considera que o Goberno municipal do PSOE debe cambiar a política de xestión do lixo nesta zona tan característica do concello da Guarda.

Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda

Tanto os restauradores e restauradoras como o BNG confluíron nunha serie de medidas que poderían mellorar a actual situación pola que están a sufrir tanto negocios como veciños pola deficiente recollida do lixo no porto.

Consideramos que é prioritario que en tempada alta e naquelas fins de semana que se prevea un aumento substancial de turismo haxa un aumento de contedores de diferente tipo para que a recollida sexa máis efectiva. Esta recollida debera facerse de xeito diario, dentro dos horarios que estabeleza o concello en coordinación cos negocios da zona; asemade deberase baldear os contedores e a área nos que están situados para que a limpeza sexa total.

Outra das conclusións a que chegaron o BNG coas restauradoras e restauradores é a natureza propia dos contedores, que deberan ser adaptados á súa actividade, para que a deposición do lixo, cartón e vidro sexa eficiente, tanto para o Concello como para os restaurantes.

“En épocas extraordinarias hai que tomar medidas extraordinarias. Polo que entendemos que o concello ten que ser sensíbel ás demandas do sector para dar unha imaxe axeitada e un servizo que faga que os turistas volvan ao noso concello e non se levanten das terrazas por culpa dos cheiros”, comentou Ángel Baz portavoz municipal o BNG.

O BNG iniciará unha recollida de sinaturas

O BNG anunciou a posta en marcha dunha recollida de sinaturas para dar a coñecer o problema que están a sufrir os negocios e os veciños e veciñas da zona do porto da Guarda e amosar así a solidariedade dos clientes e a toma de conciencia para que dunha vez se tomen medidas nunha zona tan importante como esta.

Asemade o BNG vai presentar un escrito no rexistro do concello no que amosa as medidas a tomar para a recollida do lixo e limpeza dos contedores e das áreas nos que están sitos.