O BNG do Rosal denuncia o novo peche temporal do Centro de Saúde de San Miguel

Ánxela Fernández Callís, portavoz municipal do BNG no Rosa
Ánxela Fernández Callís, portavoz municipal do BNG no Rosa

"O Centro de Saúde de San Miguel permanece pechado e o médico atende a todos os usuarios no Centro de Saúde do Rosal"

O BNG do Rosal denuncia o novo peche temporal do Centro de Saúde de San Miguel
A Portavoz do Grupo Municipal do BNG do Rosal, Ánxela Fernández Callís, denuncia que a ausencia do médico no Centro de Saúde do Rosal está sendo cuberta polo doutor do Centro de Saúde de San Miguel. Deste xeito, de novo un só facultativo está facendo o traballo que corresponde a dous, provocando as lóxicas carencias no servizo de Atención Primaria.
Esta situación xa se produciu durante os meses de verán, cando o SERGAS non cubriu a baixa dun médico do Centro de Saúde do Rosal e o de San Miguel tivo que traballar a metade da xornada nun Centro e a outra metade no outro. Desta volta o Centro de Saúde de San Miguel permanece pechado e o médico atende a todos os usuarios no Centro de Saúde do Rosal. En consecuencia, ademais da perda de calidade asistencial xa citada engádese a obriga do desprazamento ata outra parroquia.
 
Desde o BNG do Rosal voltamos pedir ao goberno local que tome en serio esta cuestión e denuncie diante da Consellería esta situación para que se tomen as medidas oportunas e non se repita a inxustificable precarización que estamos a sufrir da Sanidade Pública.
"Para nós a Sanidade Pública non é só un dereito senón tamén unha prioridade", afirma Ánxela Fernández.