A portavoz parlamentar de industria, Noa Presas,estará en Tui para explicarnos a nova estafa da electricidade.

O BNG organiza  unha charla sobre a  suba da luz e tarifa eléctrica na sala Xacobeo da Área  Panorámica

A portavoz parlamentar de industria, Noa Presas,estará en Tui para explicarnos a nova estafa da electricidade.

Tui, 12 de novembro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego de Tui  organiza este mércores ás  20:30 horas unha charla sobre a nova suba da luz e a  tarifa eléctrica na sala Xacobeo da Área Panorámica. A cuestión enerxética é un dos eixos da actuación política da organización nacionalista e por iso está a desenvolver actos por todo o país para explicar os beneficios que tería para a poboación e para as empresas galegas a implementación dunha tarifa eléctrica propia coa que loitar contra un fenómeno preocupante como é o da pobreza enerxética e tamén contra a perda de competitividade polos altos custos da factura eléctrica. 

Presentada pola portavoz municipal, Carme Núñez, no acto intervirá a deputada no Parlamento galego e portavoz de Industria, Noa Presas.

A celebración desta charla coincide cunha serie de novas prexudiciais para os intereses das galegas e galegos; en primeiro lugar, a suba na factura eléctrica xa anunciada polo Goberno e, en segundo termo, o grave conflito que está a vivir o  plantel de traballadoras e traballadores de Alcoa. 

O BNG leva anos propondo mudanzas no sector enerxético . Hai dúas semanas , o grupo parlamentar presentou unha Proposición de lei destinada ao abaratamento do recibo da  luz para persoas usuarias e empresas e a consolidar o emprego. Nela lémbrase que a factura da luz é “unha estafa colectiva” malia vivirmos nun país que produce moita electricidade, máis da que consumimos. Os últimos datos elevan ao 33% a cantidade de electricidade xerada que se transporta cara a outras zonas do Estado, nomeadamente Madrid. A proposta do BNG contempla a rebaixa do complemento do IVE do 25% ao 4%. 

A Proposición de Lei do BNG nace con tres obxectivos: “abaratar o recibo da luz porque dous terzos da factura dependen de decisións políticas dos parlamentos e gobernos, un novo marco na produción eléctrica que compense a Galiza polos custes sociais e ambientais na produción enerxética, e unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas para garantir emprego”. 

A organización nacionalista propón “unha tarifa eléctrica galega coa rebaixa das peaxes como  compensación polos custes sociais e ambientais de ser un país produtor de enerxía”.  Ademáis, segundo manifestou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, Euskadi posúe unha tarifa eléctrica que permite ás empresas alí radicadas aforrar 120 millóns de euros e, polo tanto, seren máis competitivas”.