O BNG propón un debate na TVG entre líderes para falar de Galiza na campaña das Xerais

Rubén Cela: “Feixóo é gran fan dos debates cando está na oposición así que, aínda que o medo é libre, esperamos que agora non evite o debate”

Lembra a celebración dun debate a petición do presidente do PPdG en 2008 con Quintana e Touriño con motivo das eleccións xerais

O BNG quere unha campaña ás eleccións xerais do 28 de Abril na que se fale de Galiza, dos problemas e os intereses dos e das galegas, evitando que Galiza quede “ausente e muda”, ignorada “baixo as liortas dos partidos estatais” que veñen pedir o voto pero que se esquecen deste país ao día seguinte de retirar as urnas.

Con este obxectivo o Bloque lanza como primeira proposta a celebración cando menos dun debate electoral ao máximo nivel entre líderes das forzas políticas con representación no Parlamento, para explicar na televisión pública en prime time cales son as propostas e alternativas para Galiza de cara á cita electoral do 28 de abril.

O coordinador de campaña, Rubén Cela, foi o encargado de presentar esta iniciativa desde a confianza de que o presidente do PPdeG será o primeiro en aceptar tendo en conta que fixo esta mesma proposta en 2008 cando estaba na oposición, que se materializou nun debate entre os tres líderes das forzas con representación no Hórreo: Anxo Quintana, Emilio Pérez Touriño e o propio Alberte Núñez Feixóo.

“O BNG non está propoñendo nada que non se fixera no pasado”, indicou Cela, “o señor Feixóo cando estaba na oposición era o campión dos debates, un gran fan do debate e do contraste de propostas na televisión pública, e propuxo un debate no marco das xerais de 2008 e houbo debate en clave galega cos líderes das forzas políticas de Galiza”.

Con este antecedente, salientou Cela, “agardamos que, aínda que o medo é libre, Feixóo non refute o debate e non evite darlle á sociedade galega a posibilidade de ver e contrastar as diferentes e opcións que representan as forzas políticas”. O coordinador de campaña avanzou que o Bloque “vai participar en todos os debates aos que se lle conviden porque é unha cuestión de mínimos democráticos e porque é o que merecen os e as galegas”.

Cela alertou contra o intento de excluír a Galiza do debate electoral do 28A, igual que fixeron as forzas estatais durante toda a lexislatura.

“Estamos fartos e fartas de que nos usen como mercadoría electoral, dos paracaidistas electorais que veñen desde Madrid como que ven de veraneo a provincias só cando queren pedirnos o voto”, criticou, poñendo como exemplos as visitas de Casado e Sánchez.

Paracaidistas a pedir o voto

“Pablo Casado só fixo dúas paradas en Galiza: a primeira en xullo na súa campaña á suceder a Raxoi.  E non se volveu acordar até que se anunciaron as eleccións anticipadas, que volveu a Vigo a pedir o voto para o PP. O mesmo Pedro Sánchez, oito meses de presidente e non tivo tempo de vir até que convocou as eleccións e, claro está, para pedirnos o voto”, recriminou.

O BNG, insistiu, “quere que se fale menos de Casado, Rivera ou Sánchez e que se fale máis de Galiza e do que nos interesa aos galegos e as galegas. Dos nosos problemas e de cales son as propostas das forzas políticas para resolvelos e para conseguir que vivamos mellor, que se fale dos problemas concretos que afectan a maioría social deste país”.

Cela explicou que a proposta deste debate entre líderes xa foi trasladado por carta á dirección da CRTVG e ás restantes forzas políticas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG