Comunicado do BNG sobre as declaracións dos grupos que apoian o acordo de Fínola

20150613_7387_1 copia
Anxo Baz, portavoz municipal do BNG

“O BNG acúsaos de dilapidar máis de 400.000 € na compra duns terreos que son gratis desenvolvendo a zona. Cantas cousas máis urxentes e necesarias se poderían facer con estes cartos?”

Comunicado do BNG sobre as declaracións dos grupos que apoian o acordo de Fínola

Como portavoz municipal do BNG, quero deixar claras algunhas cuestiónsa respecto da compra de Fínola.

Non é moi habitual empezar un escrito facendo preguntas, pero parécenme moi ilustrativas para o caso que nos ocupa.

Primeiro, hai alguén que poda discutir que o Concello da Guarda aplicando a lexislación vixente e desenvolvendo o PERI n.º 5 non poda transformar en terreo público a Finca de Fínola e 2.000 m² máis?

Ten algún sentido gastar máis de 400.000€ nesta compra (308.000€ na finca máis 105.000€ de adianto a débeda coa banca) cando temos medidas urbanísticas que nos permiten conseguir o uso público de 5.000 m²?

Como se lle chama a isto? Respondan vostedes a estas preguntas e déixense de liar a madeixa.

Segundo, o BNG nunca votou a favor da compra de Fínola, votou á “retoma de contactos cos propietarios para coñecer e negociar o custe da mesma”, pero non a súa compra. O BNG despois do expresado polo grupo de goberno e de ter estudado o tema, atopou outra vía máis beneficiosa para o pobo da Guarda e con custo 0. Outros, deron por bo o que lles propuxo o Alcalde, quen é o que non se informa ou non estuda os temas? 

Terceiro, en canto ás obras de Concepción Arenal, vostede mesmo o recoñece que o Concello da Guarda debe pagar un 30%, tamén parece esquecerse que esta obra, na súa maior parte, contempla obras de urbanización que son competencia municipal e que en boa parte van ser asumidas pola propia Deputación. Por certo, o mesmo convenio que asinan concellos gobernados polo PP e polo PSOE, Sr. Carrero. Xa quixeramos ter tido esta disposición por parte da Deputación cando gobernaba o PP de Louzán.

Outra cuestión fundamental é a saída sur, que debera executarse con urxencia. Non foi doado convencer ao grupo de goberno do PSOE que non era necesario modificar o PXOM para poder realizala. Hoxe, os mesmos afíns ao BNG da Deputación, como vostede se refire, fixeron un estudo de alternativas que está nestes intres na Xunta do PP. Esperemos que sexan tan competentes e rápidos como o BNG, dado que compartimos a importancia deste vieiro, para redactar o proxecto e executar as obras. Polo que debera preocuparse de insistir aos seus afíns do PP na Xunta para que isto se faga xa. 

Cuarto, acúsanos Sr. Carrero de utilizar torticeiramente a palabra banca cando nos referimos aos propietarios de Fínola, e aclara vostede que é do SAREB. Quero pensar, que non ignora vostede que o SAREB, popularmente coñecido como a BANCA MALA é unha entidade privada na que as entidades bancarias poñen a venta todos os “ marróns da burbulla inmobiliaria”. Non é precisamente unha entidade benéfica como parece dar a entender, verdade?

Quinto, fala vostede tamén do sectarismo urbanístico do BNG ou borreguismo urbanístico bloqueiro. Refírese ao urbanismo que práctica o BNG alí onde goberna? Pontevedra, Allariz, Carballo, Tomiño... con varios premios a nivel internacional e que pasan por ser exemplos urbanísticos en Europa.

Seguramente teñen vostedes moitas leccións que darnos aos do BNG: Non hai máis que pensar nos papeis de Bárcenas, na trama Gürtel, na trama Púnica e aquí tamén podo poñer moitos puntos suspensivos máis. 

Sexto, é preocupante ver na prensa a PP e PSOE, con sucesivos gobernos municipais ás costas, dicir que en 25 anos non se desenvolveu este PERI. En mans de quen estivemos todos estes anos? Como pode ser que se asuma tal nivel de incompetencia e de incapacidade? É clarificador que o PSOE, que leva 11 anos gobernando admita a súa incapacidade para desenvolver urbanisticamente a zona. Donde está o suposto “urbanismo activo” do PSOE? Na ruína da Alameda que nos deixaron? Pois lle digo tanto a vostede como ao PSOE que aquí pretiño, en Tomiño, o BNG deselvolveu un PERI con bastantes menos anos de goberno que o PP e PSOE na Guarda.

Sexto, que vostede chame “show” ás asembleas que realiza o BNG para informar á xente, denota a probe calidade democrática que desprende. Informar nunca é un show, nunha sociedade democrática debera ser algo habitual, pero entendemos que non está dentro do ideario do PP. Mais convídolle a que o practique, non provoca urticaria, todo o contrario até é saudábel.

De verdade, pódenme crer, entendo a indignación creada por aqueles que apoiaron a compra de Fínola. Non é para menos. Este acordo ao que chegaron co goberno municipal da Guarda, non só preocupa a xente do BNG senón a moitas persoas máis. Non é estraño, pois, a linguaxe tan hostil que se emprega contra nós nos comunicados de prensa, cando non teñen argumentos.

Os nacionalistas aconsellan ás formacións que apoiaron a compra de Fínola de deixen as acusacións e ataques foribundos e sen fundamentos cara o BNG. Algúns dos seus, a estas alturas, tamén teñen feito as súas cábalas-non desprecen a intelixencia da xente- e o que buscan e que esta vergoña non vaia adiante. Están vostedes a tempo de rectificar. Se o fan seguramente se reconcilien con moitos guardeses e guardesas que hoxe teñen serias dúbidas sobre o que vostedes acaban de apoiar. Xa sabe, rectificar é de sabios.

Comunicado do BNG sobre as declaracións dos grupos que apoian o acordo de Fínola