Imprimir

O BNG insta ao Alcalde á incorporar á Guarda ao Plan Revitaliza de compostaxe

bngbaixominho | 14 de Outubro de 2018

Anxo Baz, portavoz municipal do BNG
Anxo Baz, portavoz municipal do BNG

“O BNG, un ano máis, insta ao grupo de goberno á incorporación a este plan da Deputación que aposta pola compostaxe e que significaría un aforro da factura de SOGAMA”

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO insta, por medio dun escrito, ao Alcalde da Guarda e ao grupo de goberno do PSOE á incorporar á Guarda ao Plan Revitaliza que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra, con grande éxito internacional, en diferentes concellos da provincia.

Para o BNG é incomprensíbel que, votando favorabelmente a tenente-alcaldesa Montse Magallanes na Deputación, sega a negarlle a oportunidade aos guardeses e guardesas á formar parte do Plan Revitaliza que significa un cambio no modelo de xestión do lixo tendo como base a compostaxe.

“Como grupo municipal, o BNG, non entendemos a teima e a miopía política no PSOE non adheríndose ao Plan Revitaliza. Este plan pretende ser unha ferramenta que axude a aforrar na custosísima factura que temos que pagar cada ano a SOGAMA, e que, como se viu nos últimos orzamentos, non diminúe. Nós estamos por outro modelo de xestión do lixo”, comentou Anxo Baz portavoz municipal do BNG.

O Plan Revitaliza nas diferentes liñas de apoio, sufragaría as asistencias técnicas para a redacción dun Plan municipal de recollida e tratamento dos residuos domiciliarios, a adquisición de vehículos, minitrituradoras, ...

O BNG pula por un modelo de xestión do lixo diferente ao que se está a desenvolver na Guarda, cunha decidida aposta pola compostaxe, por un tratamento máis respectuoso do medio ambiente, lembrando que ademais do aforro da factura que temos que pagar a SOGAMA, significaría a creación de postos de traballo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-insta-ao-alcalde-incorporar-guarda-ao-plan-revitaliza-compostaxe/20181014130311001642.html


© 2018 BNG do Baixo Miño

Bloque Nacionalista Galego do Baixo Miño

Rúa Manuel Lomba, 2-1º

36780, A Guarda (GALIZA)

Teléfono: 986 60 60 09

Correo electrónico: baixominho@bng.gal