Carme Núñez reclama que se atenda ás demandas do persoal do PAC de Tui en materia sanitaria e laboral

Carme Núñez e Xosé M. Tato, concelleir@s do BNG en Tui
Carme Núñez e Xosé M. Tato, concelleir@s do BNG en Tui

"O BNG de Tui lembra a todas as veciñas e veciños que continúa coa campaña de recollida de sinaturas"

Carme Núñez reclama que se atenda ás demandas do persoal do PAC de Tui en materia sanitaria e laboral

Luns 3 de decembro de 2018.A portavoz municipal do BNG en Tui, Carme Núñez,  reclama , a través dunha moción, do persoal do PAC, que será defendida no vindeiro pleno, que se  atendan as demandas dos e das profesionais que prestan servizos no punto de atención continuada do SERGAS (PAC) de Tui tanto as que afectan a condicións laborais como de dotación de recursos materiais e humanos para garantir unha correcta atención sanitaria.

Denuncian que as condicións de traballo “empeoraron nos últimos anos tanto en recursos humanos e materiais como as condicións de retribucións, ao tempo que aumentou a presión asistencial”. Os e as profesionais aseguran que a  situación laboral “está sendo insostible e, polo tanto, a repercusión asistencial é evidente”, advirte Carme Núñez.

En concreto, reclaman equipos completos de persoal médico e de enfermería no PAC de Tui , porque “a atención a emerxencias sen persoal adecuado no é aceptábel nun país desenvolvido”. Esta semana pasada vivimos a grave situación de non ter médic@ no PAC da  nosa vila durante máis de 2 horas , pois un dos doutores tivo que cubrir unha ausencia no PAC da Guarda, e outro tivo que saír cunha urxencia. Igualmente, respectar os tempos de traballo do persoal conforme ás directivas europeas para garantir unha atención eficiente en beneficio das persoas doentes, con independencia do tipo de contrato, “porque o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir cos descansos”.

As nacionalistas esixen  tamén recoller a petición de que calquera avaliación de derivación hospitalaria sexa eliminada das listas de obxectivos, xa que as derivacións non son opcionais senón que seguen criterios médicos. Establecer criterios obxectivos para a dotación de persoal no PAC en base á carga asistencial, dispersión, distribución, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061. E tamén garantir o dereito á asistencia, así como as demandas de melloras nas condicións laborais e salariais deste persoal.

Non podemos esquecer tampouco nesta ocasión, as deficiencias que  o BNG ven  denunciando como son:

- a situación de deterioro dunhas instalacións que foron inauguradas con precipitación por motivos electorais do PP, e que desde a súa apertura teñen problemas que causan inconvenientes tanto aos usuari@s como aos/-as profesionais.

- a sala de espera de urxencias insuficiente, que ten a metade de superficie da instalación anterior o que provoca que as persoas usuarias teñan que estar nos corredores, amoreada ou esperando fóra.

-A pésima localización dos servizos para o persoal, unha zona de vestiarios e de descanso do persoal do centro saúde-PAC  nunha planta diferente á que se presta á atención aos doentes, portas que xeran correntes de aire nocivas, forman parte dunha suma de problemas que deben ser solucionadas.


Todo isto é consecuencia  do deterioro xeneralizado na que a Atención Primaria está sendo unha das principais damnificadas das nefastas políticas do Partido Popular. Todas as decisións tomadas foron en detrimento dunha Atención Primaria como o eixo fundamental do sistema sanitario, como elemento de coordinación clave para que o modelo sexa sostíbel: masificación de consultas, cupos de profesionais por enriba do estabelecido, redución de profesionais, non substitución nin por xubilación, nin vacacións nin ILT, nin outro tipo de licenzas ou permisos, as listas de espera xa son habituais, peche de axendas, colapsos, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, listas de espera de ata unha semana...

Así, o BNG de Tui  lembra  a todas as veciñas e veciños   que continúa  coa  campaña de recollida de sinaturas, o  xoves diante do PAC de Tui, de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Tui e resolva dunha vez os problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa cidade.