O BNG presenta unha moción demandando o arranxo das deficiencias do novo Cetro de Saúde de Tui

Carme Núñez, portavoz municipal
Carme Núñez, portavoz municipal

"O BNG de Tui non vai aceitar os incumprimentos por parte da Xunta e non deixaremos de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as tudenses"

O BNG presenta unha moción demandando o arranxo das deficiencias do novo Cetro de Saúde de Tui

O modelo sanitario do Partido Popular non é un modelo novo, xa ten moitos anos de experiencia noutros países e comunidades, e xa temos certa experiencia do que pode pasar e, de feito, en Vigo sufrimos unha dupla dirección no hospital: por un lado, a empresa concesionaria e, pola outra, a parte sanitaria. Ambas as partes teñen que convivir e isto xera problemas de competencias. Alén diso, hai un problema moi claro: unha parte dos servizos non sanitarios pero esenciais para garantir a calidade da asistencia prestada contrátase con criterios de rendemento económico.  No Reino Unido diminuíu o persoal de limpeza e incrementáronse as infeccións sanitarias, cando o Reino Unido era un modelo deste sentido. O cambio alí foi radical e agora conta cun plan de loita específico contra as infeccións sanitarias. 

Na actualidade estamos a sofrir tamén no noso concello as consecuencias  na mala xestión  do Partido Popular no eido sanitario, pois, dese que abriu o novo Centro de Saúde en Tui, por certo, megaproxecto do anterior alcalde do Partido Popular, Moisés Rodríguez e actual parlamentario,  que aínda carece de licencia de actividade, vemos a cotío as seguintes carencias:

-A sala de espera de urxencias é claramente insuficiente, pois so hai espazo para 10 persoas, véndose obrigados a agardar en corredores e en zonas que non son destinadas a tal fin dificultando o traballo do persoal sanitario.

-Na primeira planta do centro de saúde (zona de consultas) existen  so 3 baños, dos cales ningún é para uso exclusivo do persoal sanitario, obrigando a compartilo, ou , en caso contrario , tendose que desprazar, o persoal sanitario, á planta menos un.

-Na zona de vestiarios ,de descanso e de comida do persoal sanitario de urxencias, hai un forte cheiro a sumidoiro o que fai imposíbel  o traballo diario de xeito digno. Non esquezamos que as quendas laborais abrangue desde ás 15:00 horas até ás 08:00 do dia seguinte.


-A porta principal de acceso ao centro de saúde está situada cara ao norte , polo que os pacientes  que realizan xestións na entrada reciben contínuas correntes de frío. A súa vez, esta entrada carece de pasarela de protección, e de sitio de aparcamento para poder descargar aos doentes. Por outra banda, polas mañás (até ás 15:00 horas) a porta de urxencias permanece pechada, polo que o persoal de ambulancias vese obrigado a rodear o centro de saúde  ou, ben dar aviso,e agardar a que lle abran a porta de urxencias.

O BNG de Tui non vai aceitar os incumprimentos por parte da Xunta e non deixaremos de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as tudenses.

Con independencia doutras accións que poidamos levar a cabo nas vindeiras semanas, en función da evolución dos acontecementos, o BNG  buscará o acordo unánime dos grupos con representación municipal, de tal xeito que fique aprobado o apoio plenario para esixir á Xunta de Galiza o arranxo das deficiencias do centro de saúde de Tui.