O BNG presenta na Guarda unha moción en apoio ao conflito das traballadoras dos Centros de Saúde

Anxo Baz, portavoz municipal do BNG
Anxo Baz, portavoz municipal do BNG

“O BNG quere expresar a súa solidariedade e apoio aos traballadores e traballadoras do PAC da Guarda diante das accións que están a realizar en protesta polas condicións de traballo”

O BNG presenta na Guarda unha moción en apoio ao conflito das traballadoras dos Centros de Saúde

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción para ser discutida en pleno no que se insta á Consellería de Sanidade e ao SERGAS a negociar cos traballadores e traballadoras da sanidade pública as demandas laborais presentadas polo colectivo, así como amosar a solidariedade do pobo da Guarda ante a situación que están a vivir.

Hai máis de 10 meses as traballadoras dos PAC presentaron por escrito unha táboa de reivindicacións que recollían as necesidades deste colectivo para realizar o traballo en condicións de seguridade e con calidade asistencial. Entre as reivindicacións estsán os equipos paritarios enfermería-persoal médico, dotación de necesidades dos PAC, cumprimento da normativa europea de tempo de traballo, dotación de equipos de protección individualizados, ....

Para o BNG a situación é insostíbel e consecuencia da política sanitaria do PP, que levou a unha degradación de tal calibre dos servizos sanitariosque fixo poñer en pé de guerra aos traballadores e traballadoras dos PAC.

Para o BNG é preocupante a situación na que está deixando o PP a sanidade galega, en especial os servizos sanitarios da Guarda.

“Dende o BNG levamos anos reclamando unha serie de melloras para o entro de Saúde da Guarda: mellora do servizo de urxencias, implantación dun servizo de radioloxía, unha ambulancia medicalizada, ... e o PP negou todas estas reivindicacións para a Guarda”, comentou Anxo Baz, portavoz municipal do BNG.

O BNG presentou unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2019 no que se inclúen melloras para o PAC da Guarda como un servizo de radioloxía, unha ambulancia medicalizada ou a mellora do servizo de urxencias.