O BNG pedirá no Parlamento que a Xunta non autorice o parque eólico na Serra do Galiñeiro

decalaracións de Xosé Martínez Tato acompañado por represetantes do BNG en Vigo, Gondomar e O Porrinho
decalaracións de Xosé Martínez Tato acompañado por represetantes do BNG en Vigo, Gondomar e O Porrinho

O deputado Luís Bará demandará tamén no Parlamento a elevación da protección ambiental do Galiñeiro incorporándoo no Parque Natural do Aloia.

O BNG pedirá no Parlamento que a Xunta non autorice o parque eólico na Serra do Galiñeiro
Tui, 7 de outubro de 2018.-  O BNG de Tui urxe o compromiso por preservar os valores pasaxísticos e arqueolóxicos, etnográficos, sociais e ecolóxicos da Serra do Galiñeiro. O concelleiro , Xosé M.Tato, cualificou o proxecto de instalación dun parque eólico no Galiñeiro de “grave agresión ambiental contra un emblema natural”.

Desde a fronte nacionalista destacan que xa no 2008 a Comunidade de Montes de Vincios esixiu á Xunta de Galiza que o cordal da Serra do Galiñeiro fose incorporado no Parque Natural do Monte Aloia. Nesta liña, o BNG ten demandado, xunto coas institucións públicas das comarcas afectadas, que se eleve o nivel de protección da Serra do Galiñeiro.

Tato recordou que “a gran parte dos concellos da bisbarra téñense posicionado a favor de garantir a protección e posta en valor deste territorio, e neste sentido temos que seguir a lamentar a falta de actuación política por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza, desouvindo ese clamor social e institucional” durante todos estes anos.  
O concelleiro do BNG en Tui urxe ao goberno de Feixóo a tomar medidas para “impedir que se instale un parque eólico que suporía un claro atentado ambiental na Serra do Galiñeiro”. Para evitar unha agresión medioambiental de tal calibre, o BNG vén de promover unha iniciativa parlamentar.

Proposición non de Lei

O deputado nacionalista Luís Bará defenderá no Parlamento galego unha iniciativa parlamentar na que se solicita a denegación da autorización do proxecto de execución do parque eólico, a fin de preservar os valores e funcións económicas, ambientais e sociais da Serra do Galiñeiro. É por iso polo que solicitan retomar a tramitación de área protexida para a Serra do galiñeiro e a súa incorporación ao Parque Natural do Aloia.

Desde a formación nacionalista entenden que, de executarse dito proxecto, suporía un impacto ambiental crítico sobre a paisaxe e o patrimonio, sendo totalmente contraditorio co establecido pola lei do patrimonio Cultural de Galiza e polas leis de Conservación da natureza e do patrimonio natural e biodiversidade, así como diversas directivas europeas.

Xosé M.Tato agarda que esta iniciativa que defenderá o BNG na cámara galega “conte co apoio do conxunto dos grupos e do conxunto cámara”. Así e todo, “o máis importante é que non fique en palabras e que o goberno galego de Núñez Feixóo se poña mans á obra e antes de máis nada denegue esa autorización administrativa e inicie os traballos para elevar a protección da Serra do Galiñeiro”, apuntou.

O BNG pedirá no Parlamento que a Xunta non autorice o parque eólico na Serra do Galiñeiro