BNG insta ao Alcalde da Guarda a pór en marcha “rutas escolares seguras” de acordo co plan de mobilidade

Ángel Baz portavoz municipal do BNG
Ángel Baz portavoz municipal do BNG

 “O BNG leva tempo apostando por medidas deste tipo que significan un cambio de modelo de xestión urbana”

BNG insta ao Alcalde da Guarda a pór en marcha “rutas escolares seguras” de acordo co plan de mobilidade

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito instando ao Alcalde da Guarda a poñer en marcha distintas iniciativas encamiñadas á posta en marcha de “rutas escolares seguras” tal como ven indicado no Plan de Mobilidade da Guarda.

As “rutas escolares seguras” son unha iniciativa que vai acompañada dunha redución e calmado do tráfico en zonas circundantes dos centros escolares, con esta medida garántese o aceso á pé ou en bicicleta a escolares e acompañantes, evitando así a necesidade de ter que utilizar o vehículo privado.

O BNG leva tempo apostando por medidas deste tipo que significan un cambio de modelo de xestión urbana con grande éxito en lugares como a cidade de Pontevedra, así como Tomiño.

“Cada vez é menos comprensíbel a actitude do Alcalde da Guarda de seguir agochando o Plan de Mobilidade. Este plan é imprescindíbel para poder optar ao financiamento deste tipo de proxectos que benefician aos máis desprotexidos: nenos, nenas, persoas maiores e con discapacidade”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

 

O plan de mobilidade da Guarda

O plan de mobilidade é un documento realizado por expertos no que se acredita a necesidade de, entre outras, un novo aceso ao porto da Guarda, a reforma de Concepción Arenal e a necesidade urxente de creación de “rutas escolares seguras”.

Dende o BNG ínstase ao Alcalde da Guarda a que solicite á Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galiza o financiamento para a realización de rutas escolares seguras para as diferentes zonas escolares da Guarda, dependendo das competencias de cada administración.