“A GUARDA PRECISA ALGO MÁIS QUE BOLSAS DE APARCAMENTO PARA MEDRAR COMO VILA”

O BNG esixe ao Alcalde da Guarda medidas para a posta en marcha do Plan de Mobilidade da Guarda

Ángel Baz, portavoz municipal do BNG
Ángel Baz, portavoz municipal do BNG

"A reforma de Concepción Arenal require de pasos previos reflectidos no Plan de Mobilidade"

O BNG esixe ao Alcalde da Guarda medidas para a posta en marcha do Plan de Mobilidade da Guarda

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO insta ao Alcalde da Guarda a posta en marcha de medidas que poñan en valor proxectos como o da rúa Concepción Arenal, estas medidas están plasmadas no Plan de Mobilidade que ten agochado nun caixón o actual grupo de goberno socialista.

“Existen unha serie de medidas que son de competencia municipal e que teñen como finalidade un cambio de modelo para a Guarda. Pensar que a reforma de Concepción Arenal vai solucionar por si mesmo os problemas que ten a Guarda é non entender a obra en si mesma”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

Entre as medidas estarían a creación de rutas peonís seguras aos destinos máis concorridos da vila, consecución de aparcamentos disuasorios, campañas de concienciación sobre uso responsábel do coche e hábitos saudables, transformación do Casco Vello e barrio da Cruzada en espazos de prioridades peonil...

 

O veto do PP a un novo aceso ao Porto da Guarda

Para o BNG chama atención a actitude do PP, formación política con responsabilidades de goberno na Xunta que ten competencias para dotar á Guarda dun novo aceso ao Porto da Guarda moderno que despexaría o casco urbano da actual saturación de vehículos que padece.

“Os deputados e deputadas do PP deberían vir explicar ao comercio e aos guardeses e guardesas por que o seu partido está en contra da realización dun novo aceso ao Porto da Guarda”, sinala Ángel Baz.

Para o BNG un cambio de modelo para a Guarda é o único camiño que pode reverter a actual tendencia que está levando á Guarda a un descenso no censo de habitantes, así como o peche de negocios e o empobrecemento do tecido comercial guardés.

“Ou facemos algo diferente ao que se ten feito até o de agora ou estamos condenados a morrer como pobo. O novo Plan de Mobilidade ten a chave”, di Ángel Baz.