O BNG aposta pola transparencia desde o goberno municipal da Guarda

Grupo municipal do BNG na Guarda
Grupo municipal do BNG na Guarda

"O tenente de alcalde, Anxo Baz, fai públicas as responsabilidades asumidas e as dedicacións retribuídas de tres membros do grupo municipal"

O BNG aposta pola transparencia desde o goberno municipal da Guarda

Anxo Baz, tenente de alcalde no goberno municipal da Guarda, fixo público cales van ser as responsabilidades asumidas polo BNG no actual mandato municipal, manifestando que o noso compromiso cos veciños e veciñas da Guarda comeza por facelos partícipes das decisións adoptadas na Casa do Concello e polo goberno municipal.

Hoxe corresponde informar das áreas e responsabilidades asumidas no goberno local:

Anxo Baz, tenente de alcalde, será o concelleiro-delegado de Mobilidade e Modelo Urbano, e tamén responsábel da área de Comercio.

Beatriz Lomba, concelleira-delegada de Turismo e de Servizos Sociais.

Xan Lois Lomba, encargaráse de Tráfico e Emerxencias, e ademais da Concellaría de Medio Ambiente.

Begoña González, será concelleira-delegada de Igualdade.

E, Xosé Manuel Méndez, concelleiro-delegado de Cultura e Normalización Lingüística.

Por outra parte, Anxo Baz, fixo públicas as dedicacións e retribucións que van percibir algúns membros do grupo municipal do BNG, indicando que “para exercer con garantía as tarefas de goberno durante os catro anos que abre o presente mandato municipal é necesario dedicarse de cheo ao labor de transformar A Guarda, tal como demandan os veciños e veciñas do noso concello desde fai moitos anos”.

As dedicacións e percepcións económicas serán as seguintes:

Anxo Baz, tenente de alcalde e responsábel de Mobilidade, Modelo Urbano e Comercio, terá dedicación exclusiva ao Concello, cunha remuneración de 37.000 euros anuais brutos, ao que haberá que restarlle o importe da Seguridade Social e o IRPF.

O concelleiro-delegado de Tráfico, Emerxencias e Medio Ambiente, terá dedicación exclusiva a partir do mes de setembro, cunha retribución bruta de 26.000 euros anuais (ao que tamén se lle restará a seguridade social e IRPF).

E, finalmente, a concelleira-delegada de Turismo e Servizos Sociais, Beatriz Lomba, terá unha dedicación parcial do 77%, cunha retribución bruta de 20.000 euros, á cal tamén se lle descontará a seguridade social e o IRPF.

Desde o BNG consideramos que para levar adiante a transformación que este pobo demanda, necesítase dedicación e esforzo e desde o BNG comprometémonos a iniciar esa transformación, comezando pola transparencia das decisións e sempre escoitando e abrindo canles de participación democrática entre a veciñanza da Guarda.