Aprobada a moción do BNG en Tui en defensa da lingua galega

Archivo adjunto al mensaje
Archivo adjunto al mensaje

"A moción pide apoio ás mobilización en defensa da lingua galega do 17 de maio, o cumprimento do Plan de Normalización e incremento do orzamento na defensa e promoción da nosa lingua"

Aprobada a moción do BNG en Tui en defensa da lingua galega

Faise palpábel e evidente que o proceso de normalización da lingua galega realizado até o día de hoxe polas administracións públicas foi insuficiente para garantir o dereito a vivir libremente na lingua propia de Galiza. O respecto á legalidade vixente -Estatuto de Autonomía e Lei de normalización lingüística, Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias- e a implementación de políticas que favorezan o uso do galego e aumento do número de galegofalantes semella non ir na dirección correcta e así o desmostran os estudos realizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG).
As políticas promovidas polo Partido Popular lonxe de contribuír o uso da lingua galega, procuraron todo o contrario, tendo no Decreto do plurilingüísmo o ariete co que derrubar calquera avance. Este decreto prohíbe dar certas materias no idioma propio do país, furtándolle á mocidade a posibilidade de adquirir coñecementos en galego e, polo tanto, incumprindo co mandato de garantir que o alumnado teña o mesmo nivel de competencias nas dúas linguas oficiais.

Alén do decretazo, o Partido Popular seguíu traballando na minorización do galego coas súas políticas de recortes eliminando a Consellaría de Cultura, reducindo drasticamente o orzamento destinado ao fomento da lingua galega (apenas supera os 6 millóns de euros cando en 2008 se destinaban 23 millóns de euros) ou subvencionando a medios de comunicación que relegan a lingua até o anecdótico mentres os medios de comunicación integramente en galego fican sen axudas.

Asistimos a un panorama onde as persoas galegofalantes non gozamos de dereitos que nos amparen no uso do idioma día a día, resulta evidente que a pouca lexislación que pode protexernos non se aplica mentres que as máis de 500 disposicións legais que obrigan e protexen o castelán fanse cumprir rigorosamente. Resulta rechamante como é a propia administración pública a que encabeza os ataques á lingua, tal e como se reflicte no informe da Liña do Galego 2017 elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística.

No mes de abril de 2018, a Xunta de Galiza presentou un plan de dinamización da lingua galega na mocidade que pretende paliar as nefastas consecuencias que provocan as súas políticas desgaleguizadoras. Un plan que nin tan sequera lle foi presentado ás entidades que traballan na promoción do galego, mais sobre todo é unha cortina de fume para lavar as mans dos principais causantes da drástica redución do galego no ensino e no uso entre as franxas máis novas da sociedade.

Fronte todo o anterior, resulta máis necesaria que nunca a mobilización social, pois está a comprobarse que os únicos avances que logra o galego son promovidos polas entidades sociais, e a resposta cidadá ante as múltiples agresións e ataques. O BNG esixe   que se abandonen as  políticas desgaleguizadoras e volte ao consenso aplicando o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente no Parlamento de Galiza en 2004.

“ Non só está en xogo unha parte da nosa identidade como galegas e galegos, tamén está en xogo toda riqueza e diversidade que hai detrás de poseer unha lingua propia e noso aporte á multiculturalidade e multilingüismo que queremos defender". Apuntou Carme Núñez, portavoz municipal do BNG en Tui.

Por iso, o grupo municipal do BNG defendeu  no pleno de Tui unha moción en defensa da lingua galega , e a súa vez , fai un chamamento a todas as veciñas e veciños a secundar a mobilización convocada pola plataforma " Queremos Galego" o dia 17 de maio, ás 12 horas desde a alameda de Compostela. Sairán autobuses desde o Baixo Miño con paradas en Areas e Guillarei, cómpre resevar praza no: 616090632/986610465 (tarifa:5€/persoa, agás desempregad@s de balde).