Aprobada a moción do BNG sobre a lei de áreas sanitarias

Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda
Ángel Baz, portavoz municipal do BNG na Guarda

 “A moción solicita a posta en marcha un plan de Mellora de Atención Primaria de grande importancia para a Guarda”

Aprobada a moción do BNG sobre a lei de áreas sanitarias

O pleno da Guarda aprobou por maioría a moción presentada polo BNG na que se solicitaba un cambio na política sanitaria da Xunta. A moción foi aprobada co voto en contra do PP.

A moción solicitaba a retirada do anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, de 10 de xullo, de Galiza, dado que esta modificación vai provocar máis deterioro na sanidade pública, consolida a liña de recortes, prioriza o criterio económico sobre as necesidades dos usuarios e usuarias e afecta negativamente á calidade asistencial.

Outra das reivindicacións é a posta en marcha dun plan de Mellora de Atención Primaria, como porta de entrada ao sistema sanitario, sendo un elemento chave para o sistema sanitario público galego.

“Falamos de dotar aos centros de Atención Primaria con recursos económicos, técnicos e humanos. Hoxe o PAC da Guarda ten graves carencias: dende o mantemento do edificio até a falta de servizos básicos como Radioloxía, deficiencias no servizo de Urxencias ou unha ambulancia medicalizada que nos garanta os traslados urxentes”, comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.

O BNG considera que o actual estado do PAC da Guarda é resultado da falta de compromiso dos sucesivos Gobernos do PP na Xunta e da inacción do Goberno municipal do PSOE.